23 may 2011

Presentacións SlideShare con audio

No seguinte artigo do ITE explican como incorporar audio ou vídeo ás presentacións de SlideShare:

22 may 2011

Un dicionario diferente

Dirae é un dicionario de castelán que permite facer buscas de palabras a partir da definición, algo parecido a traballar co dicionario como cun buscador de internet. Na súa páxina explican como usalo.


Visto en Aulablog

18 may 2011

Xestión das aulas

Cando se empeza a introducir as TIC na aula pode que nos chegue con ter gardados uns cantos enlaces que usamos como complemento ás nosas clases de sempre. Logo é posible que nos decidamos a facer un blog ou unha wiki, que nos servirán para ofrecer contidos, actividades e incluso mostrar o traballo dos alumnos. Cando xa levemos un tempo e nos familiaricemos cos recursos e ferramentas, as actividades que os alumnos farán no ordenador serán cada vez máis numerosas e posiblemente deixarán de ser algo complementario, polo que haberá que recollelas e avalialas convenientemente. Utilizar un pendrive ou o correo non é o sistema máis eficaz, afortunadamente hai outras opcións que nos poden axudar a xestionar as clases:

Moodle: é unha alternativa para ofrecer contidos, actividades e tamén comunicarnos cos alumnos. Podemos limitar o acceso só a estes ou a invitados con contrasinal e permite poñer e xestionar tarefas. Pode parecer pouco intuitiva ao principio pero ten a vantaxe de que é un espazo "oficial" polo que non debemos preocuparnos pola publicidade ou a gratuidade no futuro. Deberíamos animarnos a utilizalo (haberá que estar atentos aos próximos cursos do CFR).
Edmodo: permite facer unha rede privada na clase para comunicarnos cos alumnos e xestionar as tarefas (asignacións) que lles mandamos (data límite, quen falta por entregar, notas...). Dúas profesoras do centro utilizámola e funciona moi ben como complemento ao blog aínda que non é tan potente como Moodle. A única precaución é controlar que os rapaces non o utilicen como un chat. Unha pequena guía. Unha presentación máis completa.
Twiducate: do estilo da anterior, en inglés.
SocialGO: un pequeno titorial.
RedAlumnos: tamén é una rede social privada, permite compartir documentos, imaxes, vídeos... Ofrece máis posibilidades que Edmodo pero, a diferencia dela, os alumnos deben ter conta de correo.

11 may 2011

Rematamos o obradoiro

Hoxe rematamos o obradoiro que tivo a culpa do nacemento deste blog fai xa sete meses. Moitas de nós adicamos algunhas horas máis das obrigatorias e nalgún momento creo que chegamos a estar un pouco saturadas do abalar, os ordenadores e a rede, pero penso que o esforzo valeu a pena e síntome satisfeita co traballo que fixemos. Quero darvos as gracias pola ilusión que puxestes, que me fixo moi fácil e gratificante a parte que me tocou, moito menos complicada que a vosa de aprender tantas cousas novas e aplicalas por riba na clase.
Agora que xa teño o vicio, seguirei poñéndovos o que me pareza interesante e, para seguir aprendendo, propoño que nos leamos tamén no Twitter.

10 may 2011

O Abalar

Neste momento hai moitos centros que teñen que decidir si solicitan a incorporación ao proxecto Abalar para o próximo curso. Posiblemente a vós tamén vos pregunten a opinión sobre si é positivo e sobre todo si cremos que mellora a calidade do ensino, si merece a pena o esforzo. A verdade é que é ben doado contestar: pensamos realmente que a calidade do ensino só depende da tecnoloxía? Obviamente é un factor máis e a influencia que poida ter na ensinanza depende do que fagamos con ela, o bo que ten é que permite facer moitas máis cousas que si non a temos.
Ter ordenadores na aula permite o acceso á información sempre que o necesitemos: dicionarios para consultar dúbidas, enciclopedias para ampliar un tema, imaxes ou vídeos para clarificalo... Pensade  na diferencia entre explicar o funcionamento dun motor de combustión só cun encerado ou cunha animación e un vídeo, ou os movementos dos planetas, a situación xeográfica dun país e mil cousas máis. Certo é que iso non garantiza que os alumnos aprendan pero si que llo fai máis doado (logo está o esforzo e empeño que eles poñan, imprescindible con e sen TIC).
Ter ordenadores na aula tamén permite traballar doutro xeito que sería complicado sen eles: que os rapaces fagan traballos, consulten fontes, sinteticen e interpreten información. Que traballen en común facilmente, que dean a coñecer os resultados...
Non é incompatible con que escriban no caderno, lean un libro, memoricen ou fagan contas.
Claro que tamén ten inconvenientes, ou mellor dito, ten incomodidades; a principal é que temos que introducir cambios nas nosas clases, preparalas doutro xeito, pasar moito tempo buscando recursos axeitados, aprendendo o manexo dalgúns programas, planeando cambios na metodoloxía... e todo iso co horario de sempre e aulas máis cheas. Aquí entra xa a responsabilidade, as gañas de aprender que cada un de nós teña e a ilusión que lle poña, igual que os alumnos. O único que podo dicir é que os cambios pódense facer pouco a pouco, coa axuda de moitos compañeiros que xa están traballando así fai tempo e que particularmente creo que é moi gratificante.
Non valoro neste momento si o proxecto se puido facer doutro xeito, si os portátiles dos rapaces son pequenos ou si a administración debe darnos máis facilidades, só penso que prefiro dar clase nun aula abalar e seguramente que os alumnos tamén.

Se chegastes ata aquí recoméndovos a lectura dun artigo do Proyecto Grimm, que está cheo de sentido común.

7 may 2011



Visto en Educación tecnológica

6 may 2011

1 may 2011