10 may 2011

O Abalar

Neste momento hai moitos centros que teñen que decidir si solicitan a incorporación ao proxecto Abalar para o próximo curso. Posiblemente a vós tamén vos pregunten a opinión sobre si é positivo e sobre todo si cremos que mellora a calidade do ensino, si merece a pena o esforzo. A verdade é que é ben doado contestar: pensamos realmente que a calidade do ensino só depende da tecnoloxía? Obviamente é un factor máis e a influencia que poida ter na ensinanza depende do que fagamos con ela, o bo que ten é que permite facer moitas máis cousas que si non a temos.
Ter ordenadores na aula permite o acceso á información sempre que o necesitemos: dicionarios para consultar dúbidas, enciclopedias para ampliar un tema, imaxes ou vídeos para clarificalo... Pensade  na diferencia entre explicar o funcionamento dun motor de combustión só cun encerado ou cunha animación e un vídeo, ou os movementos dos planetas, a situación xeográfica dun país e mil cousas máis. Certo é que iso non garantiza que os alumnos aprendan pero si que llo fai máis doado (logo está o esforzo e empeño que eles poñan, imprescindible con e sen TIC).
Ter ordenadores na aula tamén permite traballar doutro xeito que sería complicado sen eles: que os rapaces fagan traballos, consulten fontes, sinteticen e interpreten información. Que traballen en común facilmente, que dean a coñecer os resultados...
Non é incompatible con que escriban no caderno, lean un libro, memoricen ou fagan contas.
Claro que tamén ten inconvenientes, ou mellor dito, ten incomodidades; a principal é que temos que introducir cambios nas nosas clases, preparalas doutro xeito, pasar moito tempo buscando recursos axeitados, aprendendo o manexo dalgúns programas, planeando cambios na metodoloxía... e todo iso co horario de sempre e aulas máis cheas. Aquí entra xa a responsabilidade, as gañas de aprender que cada un de nós teña e a ilusión que lle poña, igual que os alumnos. O único que podo dicir é que os cambios pódense facer pouco a pouco, coa axuda de moitos compañeiros que xa están traballando así fai tempo e que particularmente creo que é moi gratificante.
Non valoro neste momento si o proxecto se puido facer doutro xeito, si os portátiles dos rapaces son pequenos ou si a administración debe darnos máis facilidades, só penso que prefiro dar clase nun aula abalar e seguramente que os alumnos tamén.

Se chegastes ata aquí recoméndovos a lectura dun artigo do Proyecto Grimm, que está cheo de sentido común.

2 comentarios:

  1. Estou de acordo contigo, Aurora.
    Gustaríame que as clases fosen menos numerosas,
    con Abalar e sen Abalar. Moitas grazas por todo o que nos ensinaches e pola túa paciencia.

    ResponderEliminar
  2. Merci, Rita. É un placer traballar con vós

    ResponderEliminar