Este blog naceu para facilitar o primeiro contacto coas tics a un grupo de profes do meu centro, e detrás hai un traballo gratificante co que aprendín moitas cousas e que tamén me fixo reflexionar sobre a nosa tarefa de educadores. Dinme conta de que hai un bo número de profesores que ven nas ferramentas informáticas unha axuda imprescindible para transformar a metodoloxía tradicional, e creo que teñen razón: todos os ordenadores que temos e os recursos que atopamos servirán de pouco se non planeamos un cambio na maneira de traballar nas aulas. Tamén creo que, por moita vontade que se poña, isto só será posible se se produce unha evolución nos contidos e incluso na organización dos centros. Mentres os que poden decidilo se poñen mans a obra, só cabe, coma sempre, intentar aproveitar os recursos dos que dispomos para progresar cada día.Os Profes do Blanco xa non precisan da axuda deste blog para navegar, e eu debo facer tamén un cambio de rumbo: rematamos pois esta bitácora.
