Mostrando entradas con la etiqueta opinión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta opinión. Mostrar todas las entradas

11 may 2011

Rematamos o obradoiro

Hoxe rematamos o obradoiro que tivo a culpa do nacemento deste blog fai xa sete meses. Moitas de nós adicamos algunhas horas máis das obrigatorias e nalgún momento creo que chegamos a estar un pouco saturadas do abalar, os ordenadores e a rede, pero penso que o esforzo valeu a pena e síntome satisfeita co traballo que fixemos. Quero darvos as gracias pola ilusión que puxestes, que me fixo moi fácil e gratificante a parte que me tocou, moito menos complicada que a vosa de aprender tantas cousas novas e aplicalas por riba na clase.
Agora que xa teño o vicio, seguirei poñéndovos o que me pareza interesante e, para seguir aprendendo, propoño que nos leamos tamén no Twitter.

10 may 2011

O Abalar

Neste momento hai moitos centros que teñen que decidir si solicitan a incorporación ao proxecto Abalar para o próximo curso. Posiblemente a vós tamén vos pregunten a opinión sobre si é positivo e sobre todo si cremos que mellora a calidade do ensino, si merece a pena o esforzo. A verdade é que é ben doado contestar: pensamos realmente que a calidade do ensino só depende da tecnoloxía? Obviamente é un factor máis e a influencia que poida ter na ensinanza depende do que fagamos con ela, o bo que ten é que permite facer moitas máis cousas que si non a temos.
Ter ordenadores na aula permite o acceso á información sempre que o necesitemos: dicionarios para consultar dúbidas, enciclopedias para ampliar un tema, imaxes ou vídeos para clarificalo... Pensade  na diferencia entre explicar o funcionamento dun motor de combustión só cun encerado ou cunha animación e un vídeo, ou os movementos dos planetas, a situación xeográfica dun país e mil cousas máis. Certo é que iso non garantiza que os alumnos aprendan pero si que llo fai máis doado (logo está o esforzo e empeño que eles poñan, imprescindible con e sen TIC).
Ter ordenadores na aula tamén permite traballar doutro xeito que sería complicado sen eles: que os rapaces fagan traballos, consulten fontes, sinteticen e interpreten información. Que traballen en común facilmente, que dean a coñecer os resultados...
Non é incompatible con que escriban no caderno, lean un libro, memoricen ou fagan contas.
Claro que tamén ten inconvenientes, ou mellor dito, ten incomodidades; a principal é que temos que introducir cambios nas nosas clases, preparalas doutro xeito, pasar moito tempo buscando recursos axeitados, aprendendo o manexo dalgúns programas, planeando cambios na metodoloxía... e todo iso co horario de sempre e aulas máis cheas. Aquí entra xa a responsabilidade, as gañas de aprender que cada un de nós teña e a ilusión que lle poña, igual que os alumnos. O único que podo dicir é que os cambios pódense facer pouco a pouco, coa axuda de moitos compañeiros que xa están traballando así fai tempo e que particularmente creo que é moi gratificante.
Non valoro neste momento si o proxecto se puido facer doutro xeito, si os portátiles dos rapaces son pequenos ou si a administración debe darnos máis facilidades, só penso que prefiro dar clase nun aula abalar e seguramente que os alumnos tamén.

Se chegastes ata aquí recoméndovos a lectura dun artigo do Proyecto Grimm, que está cheo de sentido común.

30 ene 2011

Xeitos de traballar na aula

Cada materia é distinta e pode que teña unha metodoloxía axeitada que cada profesor coñece e aplica según a súa experiencia, os alumnos ou os medios cos que conta. Ata agora non podíamos usar moitas máis cousas que o libro de texto, vídeos ou audio e, puntualmente, recursos da aula de informática. O feito de ter ordenadores sempre na clase ofrécenos moitas oportunidades e, cada un de nós, deberá reflexionar sobre a conveniencia e o xeito de usalos.
Moitas veces falamos sobre os libros, as editoriais e o esforzo que supón elaborar material educativo, e quero mostrarvos uns exemplos:

Libro dixital 1    Non me gusta moito, prefiro ter un libro na man que ler un tema en pdf, e menos nunha pantalla de 10". Facer referencia ao peso das mochilas para xustificalo non é correcto, os netbook non son e-reader con tinta dixital e o problema de espalda dos nenos trasladaríase aos ollos. É verdade que lle engaden actividades e vídeos pero é un xeito pechado e dirixido de traballar.

Actividades dixitais 2    Isto (da mesma editorial) é un xeito de complementar as nosas clases que non exclúe o libro de texto e outros xeitos de traballo.

Libro dixital 3   Coma o anterior pero máis visual. Non está mal pero non como xeito único de traballo nas aulas. 

Penso que podemos usar libros, material propio ou recursos feitos por outros profes, pero sempre que sexa posible, sería bo que os alumnos tamén investiguen e elaboren cousas coas ferramentas informáticas. Gústame o que fai o profesor Domingo Méndez por exemplo, usando un aula virtual Moodle xunto cun blog no que publica os traballos e comentarios dos seus alumnos:

Aula Virtual (entrar como invitado)

Blog de aula

Tamén o que fai Alberto Armada nas aulas abalar coas ferramentas Edmodo e GDocs:

A materia (5º primaria)

Si estades interesados no tema dos "libros dixitais" botádelle unha ollada ao artigo de Jordi Adell:

Carta a los editores de libros de texto

Os "nativos dixitais"

Navegando por aí atopei un artigo de Proyecto Grimm co que estou de acordo:

Los nativos digitales no existen

Non debemos esquecer que saber darlle a unhas teclas non implica saber interpretar unha melodía. 
Os alumnos poden estar máis familiarizados co uso lúdico dun ordenador ou cun móbil pero iso, na maioría dos casos,  non supón que saiban empregalos como ferramentas de aprendizaxe. O estar no Tuenti ou no Facebook  non os prepara para usar a rede de xeito responsable. Internet é unha fonte inesgotable de datos pero hai que saber seleccionalos e usalos con sentido crítico. Pode que os profes nos teñamos que poñer ao día coas máquinas pero somos nós os que sabemos a onde queremos chegar con elas e cales son os mellores camiños. A tecnoloxía vai a ir cambiando cada vez de xeito máis rápido e tal vez nuns anos nin sequera fagan falta portátiles, pero ter unha cabeza "ben amoblada", saber onde está a información e ser responsables ao usala será algo sempre necesario, e os pais e profesores temos moito que ensinarlles ao respecto.