2 oct 2011

@iesblanco.com


No obradoiro que fixemos o curso pasado creamos unha conta de correo en Gmail e vimos que con ela tiñamos acceso a unha serie de ferramentas moi interesantes: Reader, Bookmarks, Maps, Picasa, Docs ou Blogger. Quedaron pendentes Calendar, un calendario-axenda que podemos publicar e compartir, e Sites para facer sitios web.
Todas son útiles para o noso traballo, pero creo que Docs o é dun xeito especial, xa que permite compartir a edición de documentos, presentacións, follas de cálculo ou formularios. Tódolos profes do departamento, por exemplo, poderíamos traballar no mesmo documento, facendo anotacións ao marxe, recuperando versións anteriores e téndoo accesible desde calquera ordenador conectado a internet; xa non sería preciso mandar longos adxuntos no correo, nin preocuparnos por si se usa OpenOffice ou Word.
Se os alumnos das clases Abalar, ou as outras, tivesen unha conta Gmail, poderían usar tamén Docs para elaborar documentos ou presentacións e, o mellor de todo, se as comparten con nós, xa non sería preciso que as manden por correo ou nolas dean nun lapis de memoria, pois accederíamos coa nosa conta e poderíamos corrixirllos directamente no ordenador, engadindo anotacións e incluso publicándoos nun blog de clase ou no noso (tamén eles poderían crear un sitio web con Sites para ir gardando os traballos). O único problema sería a cuestión legal da idade á que os rapaces poden crear unha conta de correo, sobre todo no primeiro ciclo.
No departamento de Tecnoloxía pensamos na posibilidade de usar Google Apps, un servizo gratuíto para o ensino que permite que nós creemos e xestionemos as contas, e se utilicen Docs, Calendar ou Sites cun novo dominio: iesblanco.com en lugar de gmail.com  (así podemos escoller que as publicacións que se fagan sexan visibles só para membros do dominio).
A cousa xa está en marcha e, de momento, usámola en TICS de 1º de bacharelato, pero paréceme que onde podería resultar útil é nas clases de 1º ou 2º da ESO. Como administrar isto non é doado e ten unha inversión en horas considerable, animaríame só se hai un número respectable de profesores dispostos a experimentar e que o vaian a utilizar habitualmente. Vós diredes...

No hay comentarios:

Publicar un comentario